Skip to main content

Noticias

  • O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por cuarto ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese os días 28 e 29 de decembro e 3 e 4 de xaneiro, arredor de dous espectáculos das compañías galegas Aporía Escénica e Talía Teatro precedidos de cadanseu taller. O ciclo arrancará esta fin de semana con Animal Sagrado, unha proposta dirixida por Diana Mera para público a partir de tres anos, na que se establece unha relación cos animais como seres vivos sabios e inocentes dos que temos moito que aprender.
  • Trátase dunha comisión de traballo no seo do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero para abordar pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. Esta proposta foi unha das presentadas hoxe no Pleno do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero. Durante a xuntanza tamén se acordou dar continuidade ao grupo de traballo dedicado á abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo para acadar a erradicación da violencia machista dende a prevención. O obxectivo deste grupo é que os nenos e nenas e os adolescentes interioricen a igualdade como un valor esencial para a convivencia entre mulleres e homes.
  • O Premio Artesanía de Galicia recaeu no ebanista Frank Buschmann (Corcubión) pola súa prensa de flores Monas, mentres que o Premio Traxectoria foi para o oleiro Agustín Vázquez, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) e a Bolsa Eloy Gesto para Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela). Os Premios Artesanía de Galicia buscan contribuír a poñer en valor o sector artesán galego, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento dentro do sector, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar a remuda xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
  • A candidatura da Xunta para que a Ribeira Sacra e as serras do Oribio e Courel se convertan na sétima reserva da biosfera de Galicia deu un paso máis e decisivo de cara á súa aprobación ao someterse á consideración do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Hoxe tivo lugar a sesión constitutiva deste órgano, creado e regulado por decreto a comezos de 2019 e co que se busca fomentar o traballo en rede das reservas da biosfera existentes en Galicia co fin de coordinar e mellorar o seu funcionamento.
  • A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
  • A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo lanzan hoxe a primeira convocatoria da High Tech Auto (HTA), a nova incubadora para o sector de automoción que vai complementar o labor da Business Factory Auto (BFAuto) no desenvolvemento de iniciativas innovadoras nun sector estratéxico para Galicia e prioritario dentro da Estratexia Europea de Especialización Intelixente (RIS3). A nova aceleradora de proxectos tecnolóxicos enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Desde Vigo apoiará proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.
  • Máis do 80% dos concellos galegos están xa adheridos ao convenio de protección das aldeas subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas. En total son 252 os entes locais incorporados ao acordo e outros tres están ultimando os trámites para adherirse (Laxe, Foz e Muxía). Así, dos municipios galegos adheridos, 84 pertencen á provincia de Ourense, 70 á da Coruña, 50 á de Lugo e os 48 restantes á de Pontevedra. Deles, son en total 124 os que xa dispoñen de plans municipais de prevención e defensa contra o lume.
  • Os viños galegos amparados con selos de calidade incrementan o valor das súas vendas no mercado español, na canle da alimentación. No último ano medrou arredor do 6% o valor das vendas do viño galego no mercado español, na canle da alimentación, o que implica unha revalorización do produto que chega aos fogares. Ademais, o viño con denominación de orixe sitúa a Galicia no terceiro posto por comunidades autónomas -só superada pola Rioxa e Castela e León- en termos de valor, con respecto á cota de mercado nacional. Na canle de alimentación, especificamente, os viños galegos melloran a súa cota de mercado nacional ata un 5,4% en volume e ata o 6,6% en valor, grazas á súa mellora en participación nos hipermercados e supermercados.
  • A décimo segunda edición de Culturgal conta cun convidado que até o momento só asomara o nariz en anos anteriores. O sector do videoxogo é unha das presenzas novidosas desta Culturgal, que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Na tarde do venres 29 a I Xornada do Videoxogo quere cimentar un espazo común no que atoparse entre si no sector e atoparse co público. Un foro aberto a todas as persoas interesadas. No recinto feiral, empresas e proxectos destacados expoñen o traballo ao redor do videoxogo en Galicia: stands, demos e presentacións dirixidas a todas as idades. Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil.
  • As sociedades laborais constitúen a segunda familia máis importante da economía social no noso país. Unha fórmula empresarial na que as persoas se sitúan no centro, baseada nos principios da democracia participativa, o traballo en equipo e a colaboración. A Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) traballa desde hai dez anos pola promoción, consolidación e a prol da defensa dos intereses dese xeito de facer empresa que demostra a súa utilidade para xerar emprego estable, de calidade e a favor da igualdade. E é que a presenza de mulleres neste eido é cada vez maior.