Skip to main content

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento aproba o seu Plan anual 2024

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presidiu hoxe a reunión do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), na que se aprobou por ampla maioría o Plan anual 2024 da Cooperación Galega, que contará cun orzamento de case 9 millóns de euros, manténdose na liña do exercicio anterior. Neste órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación.

Neste Plan anual 2024, enmarcado no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, a convocatoria anual de acción humanitaria e a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Ademais, neste ano manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria. Nesta liña, está prevista a sinatura de convenios coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e UNICEF entre outras organizacións.

No ámbito da educación para o desenvolvemento e do fortalecemento do sistema galego de cooperación, o Plan 2024 recolle a sinatura de convenios con organizacións como a Coordinadora Galega de ONGD; o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; as tres universidades galegas; así como as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa que se enmarca no Plan Proxecta: Activistas polo mundo que queremos.

Na reunión tamén se deu conta das actuacións levadas a cabo no marco do Plan anual 2023 da Cooperación galega, que tivo un grao de execución dun 100%, así como das actuacións realizadas ao longo do ano por outros departamentos da Xunta no ámbito da cooperación para o desenvolvemento.
R.