Skip to main content

Reeditada unha publicación de 1978 dedicada ao Seminario de Estudos Galegos no marco das accións para celebrar o seu centenario

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación do volume Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Estudo introdutorio e edición facsimilar, publicado pola Xunta de Galicia no marco da conmemoración do centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). A obra, editada desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, recupera o número 5 dos Cuadernos do Laboratorio de Formas de Galicia, publicado en 1978 por Edicións do Castro para homenaxear o desaparecido SEG.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que estivo acompañado por dous dos colaboradores da edición orixinal, Xesús Alonso Montero e Francisco Díaz-Fierros, agradeceulles a todos os investigadores participantes nesta edición “a recuperación dunha publicación que une o traballo do Seminario co realizado no presente polo Centro Ramón Piñeiro, dedicado tamén ao estudo e análise da realidade galega que se fomentou a partir da fundación do SEG en 1923”.

No acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, sede do Centro Ramón Piñeiro, tamén participaron Armando Requeixo e X. Amancio Liñares, secretario e coordinador do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do dito centro, respectivamente.

Homenaxe ao SEG

Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos inclúe un estudo elaborado polo historiador Alfonso Mato que introduce a reprodución facsimilar íntegra da publicación orixinal, na que colaboraran preto dunha vintena de intelectuais da época como Fernández del Riego, Filgueira Valverde ou Carvalho Calero.

Por último, a edición da Xunta de Galicia engade un apéndice fotográfico do acto de presentación do caderno en San Domingos de Bonaval o 17 de maio de 1978, con imaxes achegadas por Xosé Díaz. Foi precisamente neste acto, presidido por Isaac Díaz Pardo, fundador xunto con Luis Seoane do Laboratorio de Formas de Galicia, cando Ramón Piñeiro falou, ante as máis de 500 persoas asistentes, da necesidade de fomentar os estudos sobre a realidade galega nun momento crucial para Galicia, á que lle tocaba asumir responsabilidades de autogoberno.

O Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), fundado o 12 de outubro en Ortoño (Ames), foi unha institución científico-cultural de máxima relevancia ligada á Universidade de Santiago que integrou, durante os seus 13 anos de vida, a profesores e alumnos universitarios, así como a intelectuais galeguistas da Xeración Nós e das Irmandades da Fala.
R.